A Asociación Musicoleiros abre oficialmente o prazo de inscrición para participar na I Batalla de Bandas Musicoleiros 2026, unha iniciativa creada para impulsar a música en directo, dar visibilidade ás bandas emerxentes e fortalecer a escena musical de Oleiros e de toda Galicia.
A convocatoria nace como un espazo de encontro para formacións de diferentes procedencias que compartan a paixón polo rock e as músicas alternativas. Poderán participar bandas e artistas maiores de 16 anos, tanto de Oleiros como doutros municipios, sempre que conten cun repertorio preparado para directo.
A Batalla de Bandas celebrarase o vindeiro venres 3 de xullo de 2026 e reunirá sobre o escenario a unha selección de formacións que defenderán a súa proposta musical ante o público asistente. As actuacións serán en directo e terán unha duración máxima de 25 minutos por banda.
Un dos aspectos máis especiais desta iniciativa é que servirá como porta de entrada ao Festival Rockanroleiros. A organización seleccionará tres bandas para formar parte do festival: unha praza absoluta para a banda gañadora da Batalla e dúas prazas reservadas para as bandas de Oleiros mellor clasificadas.
A valoración das actuacións corresponderá exclusivamente ao público asistente, que decidirá coa súa votación as bandas seleccionadas para acceder ao festival.
A inscrición é gratuíta e permanecerá aberta ata o 24 de xuño ás 00:00 horas. As bandas interesadas deberán cubrir o formulario habilitado pola organización.
Prazo de inscrición: ata o 24 de xuño de 2026
Data da Batalla: Venres 3 de xullo de 2026
Lugar: Museo As Torres – Santa Cruz (Oleiros)
Inscrición: gratuíta


