A novena edición de Rockanroleiros pechou unha fin de semana de música en directo e actividade en Oleiros cunha gran resposta por parte do público. Centos de persoas achegáronse durante o sábado e o domingo para gozar dunha programación na que as bandas locais tiveron un papel protagonista.
A xornada do sábado concentrou a programación principal do festival, coa actuación de Gran Sol, Scarecröw e The Black Age, as tres bandas clasificadas na primeira edición da Batalla de Bandas Músicoleiros, que tivo a The Black Age como gañadora. Los Rebeldes foron os encargados de pechar a noite e poñer o broche final á primeira xornada do festival.
O domingo, máis música local e mercado
Rockanroleiros continuou o domingo cunha programación pensada para manter a música durante toda a xornada.
A sesión vermú contou coa actuación de Máxica, mentres que pola tarde subiron ao escenario Carla&More, Casual Monkeys e Desubicados, completando unha segunda xornada cunha importante presenza de bandas e músicos da contorna.
A música compartiu protagonismo co mercado de Rockanroleiros, no que 11 empresas e proxectos de artesanía instalaron os seus postos e mostraron os seus produtos ao público ao longo do domingo.
Unha fin de semana para seguir facendo comunidade
Esta novena edición volveu demostrar que Rockanroleiros é tamén un punto de encontro entre músicos, público, asociacións, negocios e persoas colaboradoras, cunha programación que nesta ocasión se estendeu durante dúas xornadas.
Desde Músicoleiros queremos agradecer a todas as bandas participantes, persoas voluntarias, colaboradores, empresas do mercado e, especialmente, a todas as persoas que se achegaron durante a fin de semana e contribuíron a facer posible esta edición.
Rockanroleiros despídese así da súa novena edición coa vista posta xa no próximo ano, cuando el festival celebrará su décimo aniversario.
Fonte das imaxes: Concello de Oleiros · Imaxes editadas con RNI Films, perfil Agfacolor 50’s Muted.
Publicado: 23/09/2026



































