O sábado 19 de setembro chega unha nova edición do Festival Rockanroleiros 2026, unha cita imprescindible para gozar da música en directo e da escena rock. A xornada comezará ás 20:00 horas cun cartel que reunirá as tres bandas gañadoras da I Batalla de Bandas Músicoleiros 2026, celebrada recentemente tras máis de cinco horas de música en directo e coa participación de oito formacións.
O programa do sábado será o seguinte:
- 20:00 h Gran Sol, terceira clasificada na I Batalla de Bandas Músicoleiros 2026.
- 21:00 h Scarecröw, segunda clasificada.
- 22:00 h The Black Age, gañadora da batalla.
- 23:30 h Los Rebeldes
The Black Age, Scarecröw e Gran Sol conseguiron a súa praza no Festival Rockanroleiros grazas aos votos do público durante a primeira edición desta batalla de bandas.
A Batalla de Bandas Músicoleiros nace co obxectivo de apoiar as formacións emerxentes e contribuír a fortalecer a escena musical de Oleiros. A súa incorporación ao Rockanroleiros supón unha oportunidade para que estas tres bandas compartan escenario e cheguen a un público aínda maior.
Domingo de música e tradición
A programación continuará o domingo 20 de setembro cunha sesión vermú protagonizada por bandas locais, que ademais continuarán ofrecendo música en directo durante a tarde.
Sesión Vermú: 13:00 h – 14:30 h
- Máxica
Tardeo: 16:30 h – 20:00 h
- Carla&More
- Casual Monkeys
- Desubicados
A xornada contará tamén cun dos elementos máis característicos do Rockanroleiros: o seu mercado de artesanía, que, como cada ano, reunirá diferentes postos nos que artesáns e artesás terán a oportunidade de mostrar e poñer á venda os seus produtos.
Música en directo, bandas emerxentes, formacións locais, artesanía e ambiente festivo volverán converter o Rockanroleiros 2026 nun punto de encontro para gozar da música e da cultura en Oleiros.
O sábado 19 de setembro comeza a festa. Vémonos no Rockanroleiros 2026!

Publicado: 11/09/2026


