O Concello de Oleiros organiza o mércores 22 de xullo, a partir das 20:00h, unha xornada de portas abertas no Local de Ensaio municipal, situado no Centro Social de Rialta.
Durante a actividade, varias das bandas que utilizan habitualmente estas instalacións ofrecerán pequenas actuacións en directo, nun formato aberto a todo o público.
A iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer o funcionamento deste espazo, que o Concello pon á disposición dos grupos musicais de Oleiros para facilitar a práctica musical e apoiar o desenvolvemento de novos proxectos artísticos. Trátase dun recurso pensado especialmente para a mocidade, que conta con equipamento musical e permite ensaiar, compartir experiencias e seguir medrando a nivel creativo.
Ademais de fomentar a creación musical, este tipo de iniciativas contribúen a xerar encontro entre a veciñanza, impulsar un ocio activo e participativo e achegar á cidadanía o talento das bandas locais.
Por outra banda, se algunha das bandas que forman parte de Músicoleiros está interesada en participar neste tipo de iniciativas, pode poñerse en contacto a través do correo musicoleiros@gmail.com ou cubrir o formulario dispoñible na web.
Publicado: 17/07/2026


