Un ano máis, Música na Rúa regresa ao verán de Oleiros cunha nova edición que converterá Santa Cristina, Santa Cruz e Mera en escenarios ao aire libre para desfrutar da música en directo durante os meses de xullo e agosto.
Organizado polo Concello de Oleiros e coa colaboración da Deputación da Coruña, este programa consolidouse como unha das citas culturais máis destacadas do verán, achegando a música ás rúas e dinamizando a actividade das terrazas e da hostalería local nun ambiente pensado para todos os públicos.
A través desta iniciativa, numerosas bandas e artistas ofrecerán actuacións en directo que encherán de ambiente as noites de verán, apostando por unha programación variada e de calidade na que tamén participan bandas vinculadas á Asociación Músicoleiros.
Nesta edición de 2026 actuarán:
- Surfatas
- Retrotul
- Nunzia Giannotta
- Sophie Simonds
- Angel Montoya
- Máxica
- Alda Varez & Richi Ponce
- Red Planet
- 13 B
- Carlos Miyares
- La Belle Indifférence
- Black and Green
- Carlos Bau y Hugo Torreiro
Os concertos celebraranse todos os sábados de xullo, en horario de 20:30 a 22:30 horas, e todos os sábados de agosto, de 20:00 a 22:00 horas, nas terrazas de Santa Cristina, Santa Cruz e Mera, convertendo estes espazos en auténticos puntos de encontro arredor da música en directo.
Rock, pop, blues, música latina, repertorios de versións e outras propostas musicais convivirán nun ciclo pensado para todos os públicos, que cada verán contribúe a dinamizar a actividade cultural e hostaleira do municipio e a achegar a música á rúa.
Desde a Asociación Músicoleiros queremos animar a toda a veciñanza e visitantes a achegarse aos diferentes concertos e desfrutar dunha programación que xa é unha referencia dentro do calendario cultural estival de Oleiros. Así mesmo, agradecemos ao Concello de Oleiros, como organizador do programa, e á Deputación da Coruña, pola súa colaboración para facer posible unha nova edición de Música na Rúa.

Publicado: 30/06/2026


